O presidente do Clúster da Función Loxística destaca que “traballamos para reforzar Galicia como potencia loxística de frío”

Xoán Martínez afirma que “a través da nosa marca Galicia Logistics buscamos lograr investimentos no noroeste peninsular e xerar maior riqueza”

A entidade destaca o papel de Galicia na economía española: “somos a sexta comunidade polo noso produto interior bruto e a quinta polo número das nosas exportacións”, apunta o xerente, Iago Domínguez

O Clúster está presente cun stand na XXIII edición de Conxemar, a feira internacional de produtos do mar conxelados

Vigo (Pontevedra), 5 de outubro de 2022. O Clúster da Función Loxística de Galicia presentou a súa marca Galicia Logistics na XXIII edición de Conxemar, unha iniciativa coa que a entidade está a impulsar a comunidade galega como un espazo loxístico líder en frío, tanto a nivel nacional como internacional. “Estamos aquí para facer máis potente e efectivo a mensaxe de que Galicia é competitiva grazas á actividade loxística”, destacou o presidente do Clúster, Xoán Martínez, “a periferia é máis se como colectivo somos capaces de traballalo”.

Neste sentido, o presidente do Clúster apuntou que “a capacidade da nosa comunidade no sector do frío potenciarase se traballamos conxuntamente, entre as empresas e as administracións”. Precisamente Xoán Martínez subliñou que a Xunta de Galicia traballa da man do Clúster da Función Loxística para sentar as bases que reforcen a competitividade das empresas do sector no exterior e, tamén, para lograr novos investimentos no noroeste peninsular que xeren máis riqueza. Ademais, Xoán Martínez puxo en valor “a boa saúde do Clúster da Función Loxística”.

Galicia, á cabeza en exportacións

Pola súa banda, o xerente do Clúster, Iago Domínguez, puxo cifras ao papel que desempeña o sector loxístico de Galicia na economía española: “somos a sexta comunidade de España polo noso produto interior bruto e ocupamos a quinta posición nacional polo número das nosas exportacións”. Neste sentido, Iago Domínguez destacou o papel relevante que xogan a automoción, a alimentación e do sector téxtil para lograr estes resultados. Ademais, o xerente do Clúster fixo fincapé en que “temos a maior rede de portos comerciais de España e por outra banda, un conxunto amplo de empresas que achegan valor engadido ao sector loxístico”.

Na xornada de hoxe, o Clúster fixo tamén un repaso das diferentes liñas de axuda para a loxística do frío en Galicia. A presentación de Galicia Logistics en Conxemar contou coa intervención do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez, e do presidente de Conxemar, Eloy García; que puxeron en valor a importancia que desempeña o sector da loxística.

As oportunidades do sector loxístico
O Clúster da Función Loxística de Galicia ten programadas novas citas no marco do seu Outono Loxístico. O próximo evento progamado polo Clúster da Función Loxística de Galicia centrarase nas tendencias do transporte ferroviario na comunidade galega; un aspecto do que se falará en Santiago de Compostela o mércores, 19 de outubro.
Ademais, a entidade traballa no programa da segunda xornada a Loxística internacional. Neste caso, a cita é o xoves, 3 de novembro, na Coruña e permitirá profundar no impacto que a función loxística ten na economía, tamén se realizará un diagnóstico das cadeas globais.