A Xunta de Galicia e o Clúster da Función Loxística colaboran para mellorar o transporte de mercadorías e a conectividade

4 de xuño de 2024:

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a directora xeral de Movilidad, Judit Fontela, reuníronse o pasado martes 4 de xuño co presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoan Martínez, e o xerente da entidade, Iago Domínguez, co obxectivo de seguir traballando nos retos e as grandes oportunidades que ten Galicia no transporte de mercadorías.

A colaboración entre ambas partes céntrase en contribuír a que Galicia sexa un polo de transporte de mercadorías de referencia, impulsando a súa conectividade con proxectos coma a elaboración dun estudo de demanda ferroviaria, unha das accións previstas en varios puntos da Estratexia Loxística de Galicia que a Xunta elaborou para fomentar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia, o resto de España, Portugal e o conxunto da Unión Europea, a través do Corredor Atlántico.

Outro dos eixos de traballo que se trataron na reunión foi o fomento dunha intermodalidade sostible e eficiente, eido no que o clúster ten unha das súas liñas de acción máis intensas. Tamén se falou do desenvolvemento de Áreas de Estacionamento Seguras e Protexidas (AESP) para transportistas por estrada, medida moi necesaria para, entre outras razóns, atraer conductoras ao sector.

O Clúster presta apoio na execución e divulgación da Estratexia Loxística de Galicia no marco do convenio vixente ata 2025 co Goberno galego e que supón un investimento autonómico de 140.000 euros co obxectivo de financiar a realización de actividades dirixidas ao impulso do Corredor Atlántico Noroeste.

A reunión deixou claro que a suma da experiencia da Xunta coa do Clúster, que agrupa máis de 50 entidades axentes protagonistas da función loxística coma son operadores loxísticos, portos, cargadores e empresas tecnolóxicas, é unha situación imprescindible para o desenvolvemento de Galicia como territorio loxístico.