A semana pasada, unha representación do Clúster visitou as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, socia do Clúster como centro de coñecemento. O noso xerente, Iago Domínguez, foi recibido polos profesores e doutores José Sande, Andrés Figuero e Enrique Peña, do GEAMA, do equipo especializado en enxeñería marítima e portuaria.
Durante a visita, mostráronnos a Dársena Multidireccional de Ondas que teñen nas instalacións, onde se desenvolven parte dos seus proxectos e probas físicas. Neste espazo puidemos coñecer de primeira man o traballo que realizan en modelización física e campañas de campo, así como os proxectos de modelización numérica relacionados coa dinámica costeira.
O grupo explicou as súas principais liñas de investigación, que combinan proxectos aplicados con labores de asesoramento a empresas e institucións. No ámbito experimental, o GEAMA desenvolve estudos que permiten avaliar o comportamento e as limitacións de distintas solucións de protección costeira, como diques en talude, diques flotantes, pantallas ou caixóns antireflectantes. Para estes traballos, contan con tecnoloxías punteiras como a Dársena Multidireccional de Ondas, instrumentación de escaneo láser ou técnicas avanzadas de velocimetría de partículas (PIV, LIF).
No traballo de campo, o grupo centra os seus esforzos na mellora da seguridade e operatividade das instalacións portuarias mediante campañas de monitorización con datos reais. Entre os proxectos desenvolvidos destacan os estudos de comportamento de buques amarrados e a súa relación cos forzadores hidrodinámicos, a análise de eventos de rebase en diques de abrigo ou a medición de transmisión de esforzos e movementos en pantalanes flotantes. Parte das ferramentas empregadas nestas análises, incluídos dispositivos de medida de movemento de buques e metodoloxías baseadas en cámaras, foron deseñadas e validadas polo propio equipo investigador.
Desde o GEAMA tamén traballan en modelización numérica de contornos costeiros, que abrangue a análise da propagación das indas, as correntes en estuarios, rías e mar aberto, o transporte litoral e de contaminantes, así como a avaliación e xestión sostible dos ecosistemas mariños. Ademais, desenvolven estudos numérico-experimentais orientados á creación de novas ferramentas de cálculo para mellorar o coñecemento da interacción onda-estrutura no ámbito portuario.
Desde o Clúster agradecemos ao GEAMA e á Universidade da Coruña a súa atención, así como a oportunidade de coñecer en detalle o seu labor investigador, clave para o avance tecnolóxico e a competitividade do sector marítimo-portuario galego.
