O Clúster defende a intermodalidade para o transporte de mercadorías e destaca que o ferrocarril ofrece oportunidades económicas e ambientais
A Xunta de Galicia pide ao Goberno central aumentar os recursos destinados ao ferrocarril e aposta por reforzar a colaboración con Asturias e Castela-León
Neste sentido, impulsar o Corredor Atlántico para conseguir un maior desenvolvemento económico foi a principal proposta do Clúster da Función Loxística. O seu xerente, Iago Domínguez, destacou que “Galicia está á cola de Europa en materia de ferrocarril; con todo, a sensación das empresas é que hai moitas oportunidades neste medio de transporte”. Iago Domínguez engadiu que “desde o Clúster traballamos para mellorar os servizos e tamén as infraestruturas”. Do mesmo xeito, o xerente do Clúster afirmou que “temos que reforzar a aposta polas sinerxias entre Castela-León, Asturias e Galicia no ámbito ferroviario; ademais debemos avanzar na innovación que necesita o tren”.
As empresas do Clúster fixeron fincapé na necesidade de potenciar o transporte de mercadorías a través dos trens: “hai que explorar esta vía e interconectar Galicia con outras partes de Europa. É unha colaboración que seguro nos traerá moitos proxectos novos”, subliñou Cristina Martínez, de Financeira Madeireira S.A. (FINSA).
Transporte por ferrocarril, estrada e mar
A defensa da intermodalidade é outra das ideas nas que se incidiu durante a xornada. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou que “é necesario compasar o ferrocarril ao transporte por estrada e por mar; esa compatibilidade é o factor clave para fomentar o emprego”. Ademais, a conselleira Ethel Vázquez destacou que Galicia debe aspirar a ser moito máis que orixe e destino. Neste sentido, reclamou ao Goberno central un aumento dos investimentos: “temos que apostar por ser ese nó que nos conecte con América e con Portugal. O noso deber é que o Ministerio presente un plan para o Corredor Atlántico e que se consensúe coas comunidades autónomas”.
Lograr un salto do ferrocarril de dous séculos
O ferrocarril é unha ferramenta de desenvolvemento sostible, de avance económico e que contribúe á loita contra o cambio climático. Son algunhas das ideas que subliñou o Director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro. “Galicia necesita que o ferrocarril faga o salto do século XIX ao XXI”; para iso, O Director Xeral urxe a realizar reconovaciones das vías, melloras no trazado ou na electrificación, entre outros aspectos técnicos: “Galicia é a fachada atlántica cara a África e o Norte de Europa, é moito potencial debemos aproveitalo”.