O Clúster da función loxística de Galicia celebrou esta semana a última reunión da súa xunta directiva antes do parón estival, dando especial importancia á formación e á xestión do talento como elementos estratéxicos para o futuro do sector. Durante a sesión definíronse as liñas de traballo que marcarán o avance nos principais retos da loxística en Galicia.
Neste contexto, nas últimas semanas mantivéronse reunións institucionais coa directora xeral de Formación Profesional, Mª Eugenia Pérez, así como coa directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado. Estes encontros reforzan a colaboración coa Xunta de Galicia para que a oferta formativa responda ás necesidades reais do ecosistema loxístico galego. A aliñación entre formación e empregabilidade é un dos piares estratéxicos do Clúster no seu obxectivo de atraer, desenvolver e fidelizar talento.
En paralelo, avánzase xa na programación do Outono Loxístico, un calendario de actividades que incluirá accións formativas, xornadas técnicas e eventos sectoriais despois do verán.
Así mesmo, o Clúster da función loxística de Galicia participará por cuarto ano consecutivo con stand propio na Feira Internacional de Conxemar, que se celebrará en Vigo do 7 ao 9 de outubro. Estará acompañado por varias empresas socias como coexpositoras, reforzando a visibilidade conxunta do sector. No marco do evento, celebrarase unha nova edición da xa consolidada xornada especializada sobre loxística do frío, que posiciona ao Clúster como un referente na xeración de coñecemento, cooperación empresarial e proxección internacional.
Este enfoque súmase a unha intensa primeira metade do ano, na que o Clúster organizou 24 accións formativas con 565 participantes, apoiou 22 empresas en procesos de internacionalización, sustentabilidade e innovación, e representou a Galicia en tres das principais feiras loxísticas de Europa: Porto, Múnic e Barcelona.
Tamén continúa o avance en proxectos estratéxicos como o Plan Director da Loxística e a Estratexia de Optimización Loxística de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Con máis de 65 grupos empresariais asociados e unha facturación conxunta superior aos 11.000 millóns de euros, o Clúster da función loxística de Galicia reforza o seu papel como motor de transformación para unha loxística máis innovadora, conectada e sostible.