O Clúster da función loxística de Galicia e Banco Sabadell-Gallego selan un convenio para reforzar o ecosistema loxístico galego

O Clúster da función loxística de Galicia e Banco Sabadell-Gallego veñen de asinar un convenio de colaboración orientado a fortalecer o apoio ao tecido loxístico galego mediante o desenvolvemento de novas vías de cooperación, o acceso a servizos financeiros especializados e a difusión de información económica e sectorial de interese para as empresas asociadas.

O convenio foi subscrito polo presidente do Clúster da función loxística de Galicia, Xoán Martínez, e por Rafael Mato Fariña, Director Territorial de Banco Sabadell-Gallego. A sinatura tivo lugar en Vigo e forma parte da aposta compartida por consolidar un ecosistema loxístico máis competitivo, profesionalizado e conectado cos principais provedores de servizos financeiros.

Un convenio para xerar colaboración e acceso a información financeira solvente

Ao abeiro deste convenio, Banco Sabadell-Gallego porá á disposición dos beneficiarios un catálogo de produtos e servizos financeiros adaptados ás necesidades de colectivos profesionais: contas e servizos bancarios, produtos de financiamento, ferramentas de apoio á xestión e outros recursos orientados a acompañar procesos de investimento, modernización e crecemento empresarial.

A colaboración permitirá, ademais, facilitar o acceso a información financeira solvente e actualizada, a través da participación de persoal experto de Banco Sabadell-Gallego en xornadas, sesións formativas e outros eventos organizados polo Clúster, nos que se poderán abordar tendencias do mercado, alternativas de financiamento, xestión de riscos e outras cuestións de interese para o sector.

Acompañar a transformación, profesionalización e crecemento da loxística galega

O convenio inscríbese nun contexto no que a loxística galega afronta importantes retos vinculados á dixitalización, á sustentabilidade, á internacionalización e á captación de talento. Neste escenario, a cooperación entre o Clúster e Banco Sabadell-Gallego constitúe unha ferramenta adicional para acompañar o p

roceso de transformación, profesionalización e crecemento das empresas asociadas, facilitando recursos e información para a toma de decisións estratéxicas.

A través deste marco de colaboración, prevese a xeración de novas oportunidades de contacto e intercam

bio entre a entidade financeira e o conxunto de empresas e axentes que conforman o ecosistema loxístico galego, tanto en formato de reunións bilaterais como mediante a participación en eventos sectoriais, encontros empresariais e proxectos impulsados polo Clúster.