O Clúster aposta por reforzar a sustentabilidade da actividade loxística

É a primeira proposta da nova xunta directiva da entidade

O acceso a chan industrial, un ferrocarril máis competitivo e a proxección internacional, son outros retos do Plan de traballo do Clúster, aprobado na súa Asemblea Xeral

A entidade traballará tamén, da man da Xunta, na elaboración do Plan Director da loxística industrial 

Un total de 54 grupos empresariais integran o Clúster, cuxa facturación supera os 11.000 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024. O Clúster da Función Loxística de Galicia celebrou a súa V Asemblea Xeral Ordinaria, unha cita na que os socios reelixiron ao director xeral de Kaleido Logistics, Xoán Martínez, como presidente para os próximos 4 anos. O resto de membros do equipo directivo elixido está conformado por Christina Martínez, de Finsa, como Vicepresidenta; Adolfo Díaz, de Gadisa, como Secretario; Santiago Pérez-Torres, de Pérez Torres Marítima, como Tesoureiro; e como vogais, Francisco Barea, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao; Jesús Argüelles, de Hijos de Rivera; Iago Rodríguez-Quintana, de Altia Logistics; e Rafael Sabucedo, de Deltacargo.

Ademais, na reunión deuse luz verde ao novo Plan de traballo da entidade, unha folla de ruta na que adquire forza a aposta pola sustentabilidade: “debemos seguir traballando por unha cadea loxística cada vez máis sostible”, afirmou o presidente do Clúster, “sabemos que hai retos que só conxuntamente podemos lograr, e temos a plataforma ideal para iso. O obxectivo é reducir a nosa pegada ambiental, ao mesmo tempo que gañamos competitividade”, detallou Xoán Martínez.

Por outra banda, unha vez que a loxística foi declarada como sector estratéxico de Galicia polo Goberno autonómico, o Clúster colaborará coa Xunta de Galicia na elaboración do Plan director industrial da loxística, un instrumento que facilitará a adaptación e a transformación enerxética e dixital da industria. “Este proxecto permitirá mellorar a competitividade de todos os sectores económicos de Galicia a través da loxística, ademais de recoñecer e impulsar a un sector tractor en si mesmo”, subliñou o presidente reelixido.

O novo Plan de traballo tamén impulsará, entre outras iniciativas, unha plataforma con información real e dinámica sobre o chan loxístico e industrial dispoñible, o apoio á creación de centros de descanso e apoio ao transporte por estrada, ou actuacións de proxección internacional. Unha iniciativa destacada, será a dedicada a potenciar o transporte ferroviario de mercadorías, como peza fundamental da necesaria multimodalidadd, e conectar Galicia co resto de España e Europa. A entidade considera que o ferrocarril é imprescindible para lograr unha loxística  máis competitiva, liderando un grupo de accións accións que permita ás empresas ter un un bo acceso a servizos ferroviarios.

 

Más de medio centenar de empresas

Un total de 54 grupos empresariais integran o Clúster da función loxística, cuxa facturación global supera os 11.000 millóns de euros.

Desde os seus inicios en 2019, a entidade traballa para impulsar unha maior eficiencia da función loxística de Galicia. Para logralo, a entidade fomenta a competitividade e fai fincapé na formación, colaboración, innovación e internacionalización das empresas que forman parte da cadea de valor.