O Clúster apoia a transición cara á sostibilidade de 8 PYMEs socias

A normativa en materia de sostibilidade está a evolucionar rapidamente, esixindo ás empresas unha maior transparencia na medición das súas emisións de carbono. Regulacións como a Directiva CSRD, que obrigará ás grandes empresas a reportar as súas emisións desde 2025 e, en consecuencia, tamén ás súas proveedoras de servizos loxísticos, ou a futura Lei do Clima de Galicia, que impactará ás PEMEs nos próximos anos, fan que medir e reducir a pegada de carbono xa non sexa unha opción, senón unha esixencia do mercado.

No Clúster da función loxística de Galicia sabemos que moitas pequenas e medianas empresas do sector precisan apoio para dar este paso cara á medición e redución das súas emisións. Por iso, buscamos a maneira de acompañalas neste proceso, asegurando que poidan adaptarse ás novas obrigas. A solución atopámola dentro do proxecto europeo Digital Cologistics, unha iniciativa de cooperación que busca impulsar a competitividade do sistema loxístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da dixitalización da cadea de valor da función loxística.

O Programa de Asesoramento e Diagnóstico da Pegada de Carbono permite a 8 empresas socias a dar os primeiros pasos na súa transición cara á sostibilidade. As empresas participantes recibirán este asesoramento sen custe, grazas ao financiamento dentro do marco Digital Cologistics. O proxecto, desenvolvido en colaboración con AirCO2 e Grupo Atlante, ofrecerá:

✅ Un diagnóstico personalizado da pegada de carbono de cada empresa.
✅ Soporte técnico e acceso a ferramentas avanzadas para a medición e xestión de emisións.
✅ Asesoramento normativo para cumprir cos estándares internacionais en descarbonización.
✅ Estratexia de mellora da eficiencia enerxética e de redución do impacto ambiental.

Medir para reducir: a pegada de carbono na loxística
A loxística representa aproximadamente o 23% das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) da UE, sendo o transporte por estrada un dos principais emisores. A medición e redución destas emisións non só permitirá cumprir coas novas normativas, senón que tamén será clave para manter a competitividade nun mercado onde a sostibilidade é cada vez máis valorada por clientes e socios comerciais.

No Clúster apostamos por un enfoque práctico que combine auditorías iniciais, metodoloxías recoñecidas como o GHG Protocol, a ISO 14064 e o GLEC Framework, e ferramentas de cálculo de emisións. Ademais, o programa ofrece asesoramento en estratexias de redución, desde a optimización de rutas ata a adopción de combustibles alternativos e melloras na eficiencia enerxética.

📩 Se queres máis información, contacta connosco en: info@clusterfuncionloxistica.org