O Clúster analiza o potencial do porto da Coruña para novos desenvolvementos empresariais

7 de xuño de 2022

O Clúster analiza o potencial do porto da Coruña para novos desenvolvementos empresariais

Un grupo de representantes das empresas adheridas á entidade visitaron o porto interior e a dársena de Langosteira para coñecer as súas infraestruturas e a súa capacidade

Martín Fernández Prado sinalou a importancia do acceso ferroviario de Langosteira e as perspectivas de crecemento vinculadas ao proxecto Green Port

O Clúster aglutina a 37 empresas galegas que suman unha facturación de 8.000 millóns de euros

A Coruña, 7 de xuño de 2022. Un grupo de representantes do Clúster visitaron hoxe o porto da Coruña e a dársena de Punta Langosteira para analizar o potencial das instalacións para o desenvolvemento de novos proxectos empresariais.
A xornada comezou cunha recepción na sede da Autoridade Portuaria. O presidente da institución, Martín Fernández Prado, deulles a benvida e resumiu as principais liñas estratéxicas de futuro do porto coruñés. Entre elas, destacou o proxecto A Coruña Green Port, que aglutina a importantes iniciativas empresariais vinculadas ás novas enerxías, con gran capacidade de xerar actividade económica e contribuír así mesmo á descarbonización das industrias da área metropolitana.
Ademais dos proxectos xa coñecidos de Inditex, Enerfín e o grupo Fisterra, Fernández Prado sinalou que outras corporacións españolas han mostrado a súa intención de instalarse no Porto Exterior, en dous ámbitos principais: a industria off- shore, coa construción de estruturas eólicas mariñas para a exportación; e a xeración e distribución desde Langosteira de hidróxeno amonio e verde. Son dous sectores que xeran grandes investimentos empresariais e moi intensivos en postos de traballo.
O presidente da Autoridade Portuaria referiuse tamén á situación internacional, que evidenciou a necesidade de reforzar as cadeas loxísticas en Europa, e as novas posibilidades que ofrecerá o Porto Exterior coa incorporación do acceso ferroviario, que xa está en proceso de adxudicación coa perspectiva de que estea operativo en 2026.
Posteriormente, durante a visita ás instalacións, os membros do Clúster puideron coñecer o porto interior, tanto as dársenas comerciais como as dedicadas á pesca, e as infraestruturas de Punta Langosteira, que xa se converteu no primeiro centro loxístico de Galicia na importación e distribución de graneis agroalimentarios.

o Clúster da Función Loxística é unha asociación empresarial apoiada pola Xunta de Galicia e as autoridades portuarias, e conta na actualidade con 37 empresas adheridas, que suman unha facturación de 8.000 millóns de euros. A súa principal misión é contribuír a lograr unha maior eficiencia na cadea loxística, promovendo a competitividade, a innovación e a internacionalización.