II Encontro da Rede de Docentes da función loxística de Galicia

O luns 27 de outubro de 2025 celebramos o II Encontro da Rede de Docentes da función loxística de Galicia, unha sesión de traballo presencial que contou coa participación de profesorado de trece centros educativos galegos e representantes do propio Clúster.

O encontro, presidido por Xoán Martínez, como presidente do Clúster, e Iago Domínguez, como xerente, serviu para consolidar o espazo de diálogo e colaboración entre o ámbito educativo e o empresarial, co obxectivo común de achegar a formación profesional á realidade do sector e mellorar a empregabilidade do alumnado.

Durante a sesión, destacouse a importancia de avanzar en cuestións clave como a motivación e orientación do alumnado, o dominio das competencias lingüísticas e dixitais e o achegamento á práctica profesional real. Recalcouse tamén a importancia de transmitir que este é un sector plenamente accesible e adecuado para mulleres, con amplas posibilidades de desenvolvemento profesional.

Tamén se avanzou na organización da xornada dirixida ao alumnado que terá lugar o 15 de xaneiro na Cidade da Cultura (en Santiago de Compostela) na que se conta cunha previsión de máis de 500 alumnos e alumnas.

Unha vez máis, púxose de manifesto a necesidade de continuar fortalecendo os vínculos entre centros e empresas, achegando os contidos formativos á realidade do sector.

A Rede de Docentes, coordinada polo Clúster, mantén así o seu compromiso de crear un ecosistema colaborativo que favoreza o intercambio de experiencias, a detección de necesidades comúns e o deseño conxunto de propostas que dean resposta aos retos actuais da loxística galega.

O Clúster agradeceu a participación de todo o profesorado e destacou o papel esencial dos centros educativos na formación do talento que marcará o futuro do sector.