Galicia estará presente na feira líder de loxística do sur de Europa

11 de maio de 2022

Galicia estará presente na feira líder de loxística do de Europa

  • A marca Galicia Logistics, coa que se potencian as capacidades da comunidade no ámbito loxístico internacional, presentase o 1 de xuño co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)
  • O Clúster da Función Loxística de Galicia coordina a asistencia ao Salón Internacional da Loxística (SIL) que se celebra do 31 de maio ao 2 de xuño en Barcelona
  • O obxectivo é potenciar o papel que desde a nosa comunidade pode ter a loxística internacional reivindicando Galicia como un enclave estratéxico, tanto para transporte como para investimentos de alto compoñente loxístico

A marca Galicia Logistics, impulsada polo Clúster da Función Loxística de Galicia, estará presente cun stand propio na 22ª edición do Salón Internacional da Loxística de Barcelona (SIL), organizado polo Consorci da Zona Franca de Barcelona ( CZFB), e que se celebra do 31 de maio ao 2 de xuño.

Nese foro, Galicia presentará nun evento específico o mércores, 1 de xuño, a súa marca Galicia Logistics, enmarcada na Estratexia Loxística de Galicia. Á cita asistirán o presidente do Clúster, Xoán Martínez, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) Fernando Guldrís. Unha marca que busca potenciar o papel que desde a nosa comunidade pode ter na loxística internacional, reivindicando Galicia como un enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico.

Búscase trasladar á comunidade loxística fortalezas de Galicia tales como nosa gran experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, sendo un dos principais exportadores de Europa; portos áxiles e seguros, dotados de protección natural nas nosas rías; e a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para novas implantacións empresariais.

O Xerente do Clúster, Iago Domínguez, engade que “cos portos galegos como punta de lanza no mercado internacional, temos a oportunidade de ser a porta atlántica do sur de Europa, e desde o Clúster estamos a traballar para que así sexa”. A través da súa presenza no Salón Internacional da Loxística (SIL), o Clúster ofrece apoio ás empresas galegas para impulsar o posicionamento de Galicia e desenvolver actividades que reforcen a nosa competitividade.
O Salón Internacional da Loxística de Barcelona (SIL) é un dos principais encontros do sector no sur de Europa. Nesta nova edición máis de 300 persoas expertas daranse cita para debater sobre a transformación empresarial e os novos modelos de negocio, as cadeas de subministración, o comercio electrónico e Delivery, a innovación, a sustentabilidade ou a tecnoloxía, entre outros aspectos.