1 de xuño de 2022
Galicia destaca en Barcelona a importancia da loxística na marcha das súas exportacións, que superan os rexistros históricos de 2021
A marca Galicia Logistics, coa que se potencian as capacidades da comunidade no ámbito loxístico internacional, presentouse hoxe da man do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)
O obxectivo é potenciar o papel que desde a nosa comunidade pode ter na loxística internacional reivindicando Galicia como un enclave estratéxico, tanto para transporte como para investimentos de alto compoñente loxístico
Barcelona, 1 de xuño de 2022. O Presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participaron na presentación da marca Galicia Logistics, que tivo lugar esta mañá no Salón Internacional da Loxística de Barcelona (SIL).
O Clúster e o Igape puxeron en valor a importancia deste sector na boa marcha das exportacións galegas, que seguen superando en 2022 os rexistros históricos alcanzados o último ano. “Sen un bo servizo loxístico hoxe non poderiamos afirmar que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións, deixando atrás, por primeira vez, os 25.000 millóns de euros”, subliñou o director do Igape, Fernando Guldrís, quen lembrou que neste 2022 “Galicia segue demostrando a súa fortaleza e estabilidade”, como evidencian os datos do primeiro trimestre, no que as vendas ao exterior alcanzaron os 6.763 millóns cun incremento do 23,9% respecto ao mesmo período do anterior exercicio.
O director do Igape resaltou que a Xunta ten claro que, no ámbito internacional, “a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”. Pola súa banda, o presidente da Agrupación industrial explicou que “a marca Galicia Logistics busca potenciar o papel que Galicia pode ter na loxística internacional, reivindicando a Comunidade como un enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”.
O obxectivo final é trasladar á comunidade loxística fortalezas de Galicia tales como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, sendo un dos principais exportadores de Europa; portos áxiles e seguros, dotados da protección natural das rías; e a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para novas implantacións empresariais.
“A Xunta de Galicia está plenamente convencida e involucrada no desenvolvemento destas capacidades”, profundou o director do Igape, quen destacou que a Comunidade conta tamén con chan industrial desenvolvido capaz de acoller calquera tipo de empresa; liñas de axudas para facilitar investimentos que busquen crear emprego en Galicia; e “a determinación e os recursos para acompañar e facilitar o traballo a calquera nova instalación que queira valorar Galicia como emprazamento”.
O Salón Internacional da Loxística de Barcelona (SIL) é un dos principais encontros do sector no sur de Europa. Nesta nova edición máis de 300 persoas expertas danse cita para debater sobre a transformación empresarial e os novos modelos de negocio, as cadeas de subministración, o comercio electrónico e Delivery, a innovación, a sustentabilidade ou a tecnoloxía, entre outros aspectos.