Queridos Reis Magos
(tamén Papá Noel, ou Apalpador, Caga Tió, elfos e demais expertos e expertas na maxia da loxística do Nadal):
Sabémolo, non vos preocupedes.
Sabemos que certos temas burocráticos entre o mundo da maxia do Nadal e o noso impídenvos adherirvos oficialmente ao Clúster, pero isto non será un obstáculo para que sigamos colaborando e mantendo unha comunicación fluída. A estas alturas xa sabedes que a nosa porta sempre estará aberta para unir forzas.
Referencias destacadas:
En canto ás referencias que nos pedistes, non temos dúbidas: as persoas e empresas coas que traballamos este 2024 son, sen dúbida, excepcionais.
Botando a vista atrás, só podemos agradecer. Agradecer o traballo conxunto, a confianza e a colaboración dos máis de 60 grupos empresariais e entidades socias do Clúster da función loxística de Galicia, que día a día constrúen un sector máis forte, competitivo e innovador. Só esperamos que sigan apoiándose no Clúster para que lles axude no seu día a día como eles nos axudan a nós, xa que traballamos para iso. Tamén queremos recoñecer o labor das entidades colaboradoras, aliadas imprescindibles en cada proxecto e cada reto superado.
Grazas ao traballo compartido, logramos fitos importantes: consolidar iniciativas formativas adaptadas ás necesidades do sector, poñer en valor a loxística como motor estratéxico de Galicia e xerar sinerxias que nos achegan a un futuro máis sostible e eficiente.
Con todo, os retos nunca terminan e, por iso, aproveitamos esta carta para facervos chegar a nosa lista de desexos, unha mirada cara a 2025 que nos convida a soñar ao grande, que é o que lle corresponde á función loxística de Galicia.
Desexos para 2025: reivindicacións do sector loxístico galego
Queremos, e ímolo a facer, unir forzas nos seguintes temas:
- Infraestruturas modernas e eficientes: Que Galicia siga mellorando as súas redes loxísticas. Especialmente, no campo onde temos maior marxe de mellora, os accesos e servizos ferroviarios, para que se complementen cos marítimos e a estrada e potencien as nosas conexións nacionais e internacionais.
- Impulso ao talento loxístico: Que os e as máis novas vexan na loxística unha carreira prometedora e de futuro. En paralelo, que os nosos programas formativos sigan crecendo e adaptándose ás necesidades reais das empresas.
- Sustentabilidade e dixitalización: Que a transición cara modelos loxísticos máis sostibles e dixitalizados sexa unha realidade tanxible, apoiada por políticas públicas e a colaboración entre axentes do sector.
- Internacionalización e atracción de investimento: Superando as nosas fronteiras e saíndo a prestar servizos no exterior á vez que o exterior perciba o gran potencial que xera implantarse en Galicia.
- Cooperación como motor de progreso: Que as sinerxias entre cargadores, transportistas, operadores loxísticos e outros axentes do sector se consoliden como unha vantaxe competitiva para Galicia.
- Maior visibilidade para o sector: Que se recoñeza a importancia estratéxica da loxística no desenvolvemento económico de Galicia.
Estes son os nosos desexos para o próximo ano pero, tranquilos, non esperamos que o fagades todo vós, queridos Reis Magos. Desde o Clúster da función loxística de Galicia seguiremos traballando de forma incansable grazas á implicación e dedicación dos nosos socios e socias, que son o principal dos nosos activos.
Unha mensaxe para quen fai grande á loxística galega
Aproveitamos tamén esta carta para que fagades extensiva nosa invitación a todas as persoas, empresas e entidades que aínda non forman parte da Agrupación industrial para unirse a nós en 2025. Xuntos podemos seguir construíndo o futuro da loxística galega, afrontando retos e alcanzando novos logros que beneficien ao conxunto do sector.
Grazas por un 2024 inesquecible, e imos a por un 2025 cheo de éxitos!
Con todo o noso agradecemento e mellores desexos,
Clúster da función loxística de Galicia