A función loxística representa o 12,54% do PIB de Galicia

Esta é a conclusión dun informe do Clúster da Función Loxística, presentado na II Xornada galega de Loxística Internacional, celebrada en A Coruña.

 

A Coruña, 3 de novembro de 2022. A actividade loxística segue aumentando a súa relevancia como eixo condutor da economía de Galicia. Como mostra diso, durante a xornada celebrada hoxe en A Coruña, dáse visibilidade a este informe que presenta unha estimación da dimensión da actividade loxística en Galicia, que inclúe non só a loxística pura, senón tamén a loxística interna realizada por empresas nas que a actividade principal non é a loxística.Para cuantificar a actividade loxística pura empregouse a información correspondente aos sectores loxísticos da Táboa Input-Output de Galicia. Para cuantificar a actividade loxística interna empregouse a información contable-financeira das empresas con sede social en Galicia da base de datos SABI, e contouse coa opinión dun panel de expertos que permitiu identificar os sectores económicos afectados e cuantificar a intensidade loxística.
Sumando a loxística pura e a loxística interna obtívose unha estimación da dimensión da actividade loxística en Galicia.O resultado principal indica que a actividade loxística representaba en 2016 aproximadamente o 12,54% do PIB galego e o 12,12 % do total de emprego en Galicia. Extrapolandoo ao ano 2019, o máis recente non afectado pola pandemia Covid, a actividade loxística supuxo unha achega ao VAB galego de 7.317 millóns de euros e xerou un emprego directo de 127.655 traballadores e algo máis de 32.000 autopatronos.
En termos de impacto, estímase que por cada euro de gasto final adicional na actividade loxística xeráronse 2,26 euros no total da economía. E por cada traballador adicional contratado para realizar actividades loxísticas, xerouse outro traballador no conxunto da economía galega.Na apertura da xornada, Xoan Martínez, Presidente do Clúster dá Función Loxística, destacou a importancia de analizar o peso que ten a loxística como motor económico, e concretou que a loxística por mar, representa o 40% do transporte global de Galicia.Pola súa banda, o Xerente do Clúster, Iago Domínguez, recalcou que Galicia se sitúa no 6º posto do PIB nacional xerado, e destacou o actual despunte do sector, en continuo crecemento, alcanzando o pasado mes de agosto un crecemento de máis do 27% con respecto ao 2021, e con previsión de pechar o ano batendo marcas.
Tamén trasladou a importancia da loxística como sector tractor en si mesmo, e como condición sine qua non para o resto de sectores.Durante o evento, o Vicepresidente primeiro da Xunta e Conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, declarou que “detrás das decisións de investimento de moitas empresas galegas está o sector loxístico” e convidou o sector a continuar traballando nos principais retos do sector: reducir custos e prazos, reducir o impacto no medio ambiente e, en definitiva, mellorar a calidade do servizo. Transmitiu que, sen ningunha dúbida, este sector impactará na competitividade do resto de sectores, xa que a loxística dá resposta ao actual proceso de transformación do tecido produtivo galego.