
22 Set O Clúster da Función Loxística defende un modelo de cidade que concilie a mobilidade de mercadorías e persoas
O secretario da entidade, Adolfo Díaz, destaca que “debemos buscar solucións de maneira conxunta entre empresas, administracións e cidadáns”
O Clúster ofrece o seu apoio ás iniciativas, públicas ou privadas, que fomenten unha repartición de mercadorías máis sostible
A próxima cita do Outono Loxístico, impulsado pola Agrupación industrial, celébrase na feira de Conxemar de Vigo o 5 de outubro
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022. Abrir un espazo de reflexión sobre o transporte das mercadorías nas cidades. Este foi o obxectivo da cidade adaptada á loxística urbana, a primeira das xornadas organizadas polo Cúster da Función Loxística de Galicia no marco do Outono Loxístico 2022, unha cita que se celebrou en Santiago de Compostela coa colaboración do CITET (Centro de Innovación para a Loxística e o Transporte de Mercadorías).
O secretario do Clúster, Adolfo Díaz, destacou que “agora, máis que nunca, debemos buscar solucións de maneira conxunta ante o aumento da demanda nas contornas urbanas”. Neste sentido, Díaz apuntou que “non existe un camiño único, por tanto, hai que ter en conta a casuística de cada cidade. A solución que funcione nun municipio, é posible que non se adapte a outras cidades”. Na súa reflexión sobre a loxística, Adolfo Díaz fixo fincapé na importancia de “manter o diálogo e coñecer cal pode ser a problemática desde o punto de vista dos horarios de entrega, das ordenanzas… todo iso para conciliar a mobilidade das mercadorías coa mobilidade das persoas”. Ademais, o Clúster comprométese a buscar solucións de mobilidade e ofrece o seu apoio as iniciativas, de carácter público ou privado, que contribúan a fomentar unha repartición de mercadorías máis sostible nas cidades.
Á mellora da distribución de mercadorías tamén se referiu Javier Turienzo, do departamento de Proxectos do Clúster da Función Loxística. “As medidas deben deseñarse en función do tipo de loxística, e isto faise con datos numéricos e con diálogo; hai que fomentar o diálogo para saber interpretar eses datos. Cada un de nós ten que poñer o seu granito de area”, subliñou Javier Turienzo.
Ademais, a xornada incluíu unha mesa redonda de concellos, moderada polo Xerente do Clúster, Iago Domínguez, e que permitiu coñecer o punto de vista das entidades locais. Nela interviñeron representantes de tres municipios galegos, Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra; e de Madrid.
As oportunidades do sector loxístico
O Clúster da Función Loxística de Galicia ten programadas novas citas no marco do seu Outono Loxístico. As oportunidades que ofrece a loxística do frío abordaranse o mércores, 5 de outubro, na feira de Conxemar, en Vigo.
O terceiro evento programado polo Clúster centrarase nas tendencias do transporte ferroviario na comunidade galega; un aspecto do que se falará en Santiago de Compostela o mércores, 19 de outubro.
Ademais, a entidade traballa no programa da segunda xornada a Loxística internacional. Neste caso, a cita é o xoves, 3 de novembro, na Coruña e permitirá profundar no impacto que a función loxística ten na economía, tamén se realizará un diagnóstico das cadeas globais.
Accede ao VÍDEO COMPLETO da xornada.