O Clúster da Función Loxística presenta ‘Galicia Logistics’, unha iniciativa para potenciar á comunidade no mapa internacional

03 de novembro 2021

O Clúster da Función Loxística presenta ‘Galicia Logistics’, unha iniciativa para potenciar á comunidade no mapa internacional

  • O presidente da asociación, Xoán Martínez Reboredo, subliñou no seu discurso “o resultado dun intenso traballo de diálogo e de cooperación público-privada” que se desenvolveu durante o último ano e medio e que cristaliza “nun paraugas no que todos os actores podemos actuar unidos”;
  • O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde, destacou no acto de presentación que esta marca “reivindica o papel que, desde Galicia, pode ter a loxística, non só para a comercialización dos nosos produtos, senón tamén para atraer novos investimentos”;
  • A marca chega nun momento crítico para a loxística, “no que dende Galicia imos intentar ser, de novo, parte da solución, seguindo o exemplo das empresas referentes: con profesionalidade e rigor, sen localismos nin curtopracismos e pensando no desenvolvemento como país”, asegurou Martínez Reboredo.

O Clúster da Función Loxística de Galicia presentou esta mañá o proxecto ‘Galicia Logistics’, co que pretende presentar e potenciar as capacidades da comunidade no eido loxístico a nivel mundial.

Tal como subliñou o presidente deste colectivo, Xoán Martínez Reboredo, “’Galicia Logistics’ é, ante todo, unha marca que abre portas porque representa á rede máis densa de portos comerciais de España, ás empresas dun dos territorios máis exportadores e tamén a un sistema loxístico excelente que é porta atlántica para as mercadorías de Europa”. Neste senso, non dubidou en considerar que este novo selo é “un paso máis, que transcende ás ideas e que se consolida cos feitos”, en referencia ás relacións internacionais que o Clúster da Función Loxística de Galicia veu desenvolvendo con empresas, portos e administracións públicas de México -con reunións ao máximo nivel en estados como Veracruz ou Tamaulipas-, así como de Canadá, Estados Unidos ou Reino Unido; a todas elas sumaranse nas vindeiras semanas dúas delegacións de Marrocos e Angola que participarán en senllas visitas.

Os traballos para o impulso desta iniciativa leváronse a cabo ao longo do último ano e medio, sempre coa filosofía da colaboración e o intenso diálogo entre todos os actores implicados. Así, tal como destacou no seu discurso Martínez Reboredo, “a cooperación é un elemento clave da competitividade”, polo que agradeceu a implicación e a asistencia ao acto de posta de largo ao vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde, aos presidentes das Autoridades Portuarias de Galicia e de Portos de Galicia e tamén aos representantes de medio cento de empresas importadoras e exportadoras dos principais sectores da comunidade.

Nesta liña, o máximo representante do Clúster da Función Loxística de Galicia afondou en que “a cooperación público-privada, o impulso de proxectos colaborativos e a creación dun paraugas común no que todos os actores poidamos traballar unidos son tres dos signos máis destacados de ‘Galicia Logistics’, iniciativa coa que, dende a óptica da coordinación, creamos sinerxías que nos levan moito máis aló da suma dos esforzos individuais”.

Pola súa banda, o vicepresidente económico da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, agradeceu ao Clúster da Función Loxística de Galicia a posta en marcha desta iniciativa que, segundo dixo, “reivindica o papel que, desde Galicia, pode ter a loxística, non só para a comercialización dos nosos produtos, senón tamén para atraer novos investimentos”. Por iso, puxo de relevo o apoio que a Xunta presta a esta iniciativa —a través da vicepresidencia económica e das consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e do Mar—, para que a loxística sexa “un elemento de competitividade para o tecido produtivo galego”.

Unha marca nova para un momento crítico

O proxecto ‘Galicia Logistics’, enmarcado na Estratexia Loxística de Galicia, conta cunha marca propia para darlle maior consistencia: en cor azul e branca, que remite a Galicia; cunha tipografía feita na comunidade e que se exporta, “como tantos e tantos produtos”; e que conta “con liñas sinxelas pero modernas e efectivas, como o noso sector empresarial”, explicou Martínez Reboredo.
A conxuntura actual estivo presente nos diferentes discursos, que non pasaron por alto os retos que aborda hoxe a loxística, con complicacións que se veñen unir a outras cuestións como a escaseza de materias primas ou os prezos da enerxía. Porén, tal como matizou o presidente do Clúster, “iso non significa que nos vaiamos resignar, senón que imos intentar ser, de novo, parte da solución e, para iso, seguiremos o exemplo que sempre nos deron as empresas referentes de Galicia: con profesionalidade e rigor, deixando a un lado localismos e curtopracismos, e pensando no desenvolvemento como país”.

Xornada monográfica con expertos e coloquio

Logo da presentación desta iniciativa, os asistentes participaron na primeira xornada galega sobre loxística internacional, na que expertos nos diferentes modos compartiron as principais claves sobre a situación actual. A continuación, celebrouse tamén un coloquio entre as empresas de todos os sectores, co que se puxo punto e final ao primeiro acto presencial do Clúster da Función Loxística tras o impacto da Covid-19. Na actualidade, a asociación conta con 35 socios, cuxa facturación conxunta ascende a uns 6.000 millóns de euros, volume que representa aproximadamente un 10% do PIB da comunidade.