
26 Xul O Cluster e as asociacións de transporte por estrada cualifican como insuficientes as bonificacións presentadas para o transporte pesado na AP-9
21 de xullo 2021
O Cluster e as asociacións de transporte por estrada cualifican como insuficientes as bonificacións presentadas para o transporte pesado na AP-9
- O mes que vén, coa finalización de novas concesións de peaxe, o noroeste peninsular soportará a metade dos km de peaxe estatais;
- Se insiste na necesidade de que o modelo de pagamento polo uso das autovías en estudo non perxudique ás rexións periféricas.
O Clúster da Función Loxística de Galicia e as principais asociacións de transporte de mercadorías por estrada de Galicia (Fegatramer, Apetamcor e Fetram) cualifican como “insuficientes” as bonificacións que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vai activar para o transporte pesado ao seu paso pola Autoestrada do Atlántico.
Situación das peaxes galegas
As catro entidades opinan que as peaxes supoñen un problema de seguridade viaria, de sostibilidade e de competitividade das empresas galegas xa que existe unha situación de desequilibrio ao longo do territorio español. O mes que vén, coa finalización da concesión e consecuente levantamento das peaxes na AP-7 e AP-2, Zaragoza – Mediterráneo, un terzo dos quilómetros de peaxes estatais se situarán en Galicia. Unha porcentaxe que se eleva ata o 44% se analizamos os quilómetros de peaxes estatais soportadas polo noroeste de España. Esta é unha situación gravemente prexudicial para a nosa economía que ve como os produtos aquí producidos son menos competitivas por ter uns costes de desprazamento un 50% superiores ao resto do Estado como consecuencia das peaxes.
Estudo realizado polo Cluster
Un estudo técnico realizado dende o Cluster identifica que, para que as bonificacións sexan realmente eficientes, precísase que sexan, como mínimo, do 55%, chegando ao 100% en treitos como as circunvalacións das cidades ou na zona onde a autoestrada debe servir como itinerario alternativo á autovía A-55, no entorno do Porriño. Unha tese avalada polos datos de escaso impacto que tiveron no ano 2015 as bonificacións do 35% nunha parte da autoestrada motivo polo cal só duraron cinco meses en funcionamento.
Peaxes ás autovías
Na mesma liña, o sector do transporte e a loxística incide na necesidade de que, no caso de implantarse un sistema de cobro por uso das autovías, este non prexudique aos territorios periféricos. Neste sentido lembrouse que a mesma normativa europea que acepta e aconsella o cobro de peaxes polo uso das estradas insiste na necesidade de que os territorios periféricos teñan unha consideración especial para non ver prexudicado o seu desenvolvemento económico. Así o recolle a Directiva 2011/76/UE cando fala de “mellorar o acceso ás rexións periféricas” e a súa competitividade.