Reunion cluster delegación goberno

O Cluster e as asociacións de transporte trasladan ao Delegado do Goberno a insuficiencia das bonificacións anunciadas para o transporte pesado na AP-9

9 de xullo 2021

O Cluster e as asociacións de transporte trasladan ao Delegado do Goberno a insuficiencia das bonificacións anunciadas para o transporte pesado na AP-9

O Clúster da Función Loxística de Galicia e as principais asociacións de transporte de mercadorías por estrada de Galicia (Fegatramer, Apetamcor e Fetram) mantiveron hoxe unha reunión co Delegado do Goberno en Galicia para abordar a situación das peaxes na comunidade. Nesta reunión, analizouse o anuncio do Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de que o transporte pesado recibirá unha bonificación do 20% ao seu paso pola Autoestrada do Atlántico.

Dende os representantes do transporte e da loxística galegos, lembrouse o escaso impacto que tiveron no ano 2015 as bonificacións do 35% nunha parte da autoestrada motivo polo cal só duraron cinco meses en funcionamento. Na mesma liña, fíxose entrega do estudo elaborado polo Cluster, dispoñible na súa páxina web e aquí, no que se concluía que, para que ter impacto na atracción de tráficos, as bonificacións mínimas deberían ser do 55% habendo determinados treitos nos que sería xustificable unha subvención superior por cuestións de seguridade viaria.

Situación das peaxes galegas

Os representantes empresariais lembraron o problema que supoñen as peaxes para a competitividade das empresas galegas xa que existe unha situación de desequilibrio ao longo do territorio español. O mes que vén, coa finalización da concesión e consecuente levantamento das peaxes na AP-7 e AP-2, Zaragoza – Mediterráneo, un terzo dos quilómetros de peaxes estatais se situarán en Galicia. Unha porcentaxe que se eleva ata o 44% se analizamos os quilómetros de peaxes estatais soportadas polo noroeste de España. Esta é unha situación gravemente prexudicial para as nosas economías que ven como os produtos producidos son menos competitivas por ter uns costes de desprazamento un 50% superiores ao resto do Estado como consecuencia das peaxes.

Ademais, convén lembrar que as autoestradas galegas son das poucas de España que non teñen ningún tipo de bonificación para o transporte pesado a día de hoxe mentres que outras, como a AP-68 na Rioxa, bonifican estes tráficos nun 50%.

Peaxes ás autovías

Na mesma reunión, insistiuse na necesidade de que, no caso de implantarse un sistema de cobro por uso das autovías, este non prexudique aos territorios periféricos. Neste sentido lembrouse que a mesma normativa europea que acepta e aconsella o cobro de peaxes polo uso das estradas insiste na necesidade de que os territorios periféricos teñan unha consideración especial para non ver prexudicado o seu desenvolvemento económico. Así o recolle a Directiva 2011/76/UE cando fala de “mellorar o acceso ás rexións periféricas” e a súa competitividade.

Accede ao informe