O Clúster abre a porta do sistema loxístico galego a colaboracións coa costa este de Estados Unidos

2 de xullo 2021

O Clúster abre a porta do sistema loxístico galego a colaboracións coa costa este de Estados Unidos.

 

Na presente semana, o xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia Iago Domínguez, xunto con representantes da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, mantivo un encontro cos delegados na Unión Europea do Economic Development Partnership of North Carolina (EDPNC).

O EDPNC é un dos organismos impulsores das empresas de Carolina do Norte, nos Estados Unidos, que centra a súa actividade no desenvolvemento de negocio e actividades do estado, ademais de formar conexións internacionais que doten dun maior alcance aos negocios do Estado costeiro.

Existe xa unha tradición na relación empresarial entre España e Carolina do Norte, entre os anos 2013-2018, compañías españolas inverteron ó redor de 630 millóns de dólares en Carolina do Norte, creando ó redor de 155 postos de traballo.  Ademais, no ámbito das compravendas internacionais entre España e o estado estadounidense, prodúcense exportacións dende o noso país de ó redor de 620 millóns de dólares, e impórtanse bens por un valor estimado de  370 millóns de dólares.

O encontro serviu como oportunidade para, a través dos datos macro extraídos da Logistic Data Platform (LDP), presentar o sistema loxístico galego como unha porta ao continente europeo por parte de axentes da rexión americana, así como dar un impulso á internacionalización da loxística galega nun mercado obxectivo, ao que vai dirixida unha das misións inversas online planificadas polo organismo intermedio para a o presente ano.

Á reunión seguiulle un percorrido polas instalacións e infraestruturas do porto de Vilagarcía, onde os invitados puideron comprobar o bo ritmo de movemento de mercadorías existente nas bases portuarias galegas, recuperadas do impacto provocado pola crise sanitaria e que na actualidade rexistra cifras récord de actividade.

O encontro concluíu con intencións de dar seguimento ás relacións iniciadas e materializar as impresións en posibles operacións nas que o sistema loxístico galego poida supoñer unha optimización dos fluxos existentes entre os continentes americano e europeo.