A agrupación industrial da función loxística de Galicia constata os bos resultados do sector exportador galego

  • As empresas galegas exportaron en abril bens por un valor de 1.909,7 millóns de euros. Por provincias, aumentan de forma exponencial en Pontevedra e Ourense.
  • Automóbil e manufacturas, á cabeza como sectores exportadores.
  • Logistic Data Platform, a ferramenta de información dinámica que desenvolveu o CFLG, proporciona os últimos informes cos datos máis recentes sobre tráficos de mercadorías e permite ampliar esta información ao máximo nivel de desagregación.

 

Segundo os datos publicados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) durante o mes de abril de 2021, Galicia exportou bens por un valor de 1.909,7 millóns de euros, rexistrando un incremento interanual do 145,45% en comparación co mesmo mes do ano pasado; volume moi superior ás exportacións de España no seu conxunto, que rexistrou un crecemento interanual do 71,79%.

En canto ás importacións, estas ascenden a 1.605,8 millóns de euros; o que tamén supón un incremento notable, do 90,66%, respecto ao valor rexistrado no ano anterior.

Os datos analizados polo CFLG sitúan a Galicia cun superávit comercial de 392 millóns de euros en abril, cifra moi positiva, tendo en conta o déficit comercial de -17,5 millóns de euros rexistrado no mesmo mes do 2020.

Por provincias, o CFLG destaca o alto incremento alcanzado polas exportacións de Pontevedra e Ourense, con taxas interanuais do 253,09% e do 151,55% respectivamente e, na Coruña e Lugo, con taxas do 80,86% e do 36,89%.Por provincias, o CFLG destaca o alto incremento alcanzado polas exportacións de Pontevedra e Ourense, con taxas interanuais do 253,09% e do 151,55% respectivamente e, na Coruña e Lugo, con taxas do 80,86% e do 36,89%.

No caso da importación, o incremento do 90,66% débese especialmente ás compras no exterior por parte de Pontevedra (que se sitúa cunha taxa de crecemento interanual do 175,85%), Ourense (162,04%) e A Coruña (28,85%). Contrariamente, as compras de Lugo no estranxeiro diminuíron, aínda que de maneira leve no mes de abril (-11,59%).

Automóbil e manufacturas, á cabeza como sectores exportadores Os sectores con maior incidencia dentro da exportación galega en abril foron o automóbil (34,69%); manufacturas de consumo (8,84%, destacando o subsector téxtil-confección); alimentación (5,70%, con incidencia especial os produtos pesqueiros); semimanufacturas (4,45%, principalmente do subsector metálico e do subsector químico) e fundición, ferro e aceiro (2,76%). En conxunto, estes cinco sectores supuxeron máis do 50% das exportacións realizadas.

En concreto, a evolución da exportación dos sectores automóbil e manufacturas foi extraordinariamente positiva, o automóbil sitúase cunha taxa de crecemento interanual do 29,69% e as manufacturas de consumo cun 2,45%. Ambos os sectores supoñen o 44% do total da exportación galega.

A UE segue posicionada como principal mercado

A Unión Europea mantense como destino referencial das exportacións da nosa Comunidade ao concentrar o 62,95% do total. Francia sitúase á cabeza como principal socio comercial galego, cun 23,92% do total, ao que lle segue Portugal (12,61%), Italia (7,68%), Países Baixos (5,16%), Alemaña (4,28%), Polonia (4,12%), Bélxica (3,70%) e Noruega (1,04% ).

Fóra da UE, destacan como destinos máis significativos Reino Unido (6,01%), Marrocos (3,57%), Estados Unidos (1,68%), China (1,35%), México (0,91%), Singapura (0,82%), Brasil (0,52%) e Canadá (0,39%).

Na análise evolutiva cabe resaltar que a exportación galega con destino á UE creceu a un ritmo forte (cunha taxa de crecemento interanual do 148,33%). Do resto de zonas continentais, destaca a evolución positiva da exportación galega a África (208,57%), á que segue América (94,44%) e Asia (83,26%).

En definitiva, os datos reflicten unha recuperación moi positiva na senda de crecemento do comercio exterior galego respecto ao ano 2020, no que o transporte por estrada posiciónase como a principal modalidade utilizada nun 43% dos tráficos; seguido polo transporte vía marítima (35%) e o transporte por ferrocarril (16%).