O Clúster traslada á consellería de Infraestruturas a súa proposta de bonificación das peaxes do tráfico de mercadorías para a AP-9

9 de xuño 2021

O Clúster traslada á Consellería de Infraestruturas a súa proposta de bonificación das peaxes do tráfico de mercadorías na AP-9

  • A organización empresarial mantivo unha reunión coa Consellería este mércores en San Caetano;
  • No encontro tamén estiveron presentes as asociacións de transportes de mercadorías APETAMCOR e FEGATRAMER, que coincidiron na necesidade de contribuír á competitividade do sistema loxístico galego a través da medida proposta;
  • No seu contido, as entidades sectoriais defenderon a idoneidade dunha bonificación mínima do 55% para que este cargo non supoña unha desvantaxe competitiva con respecto ao resto do territorio peninsular.

O Clúster da Función Loxística de Galicia, a través do seu xerente Iago Domínguez, e o membro da Xunta Directiva José Manuel Cores Tourís, Presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, mantivo no día de hoxe unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para trasladar a preocupación do sector do transporte de mercadorías por estrada e do entrañado loxístico xeral galego pola xestión das bonificacións das peaxes na AP-9.

Á reunión tamén asistiron a Federación Galega de Transporte de Mercadorías (FEGATRAMER) e a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR), o que evidencia a unidade no sector na reivindicación dunha bonificación que supoña unha solución á desvantaxe competitiva que soporta con respecto ao resto da península.

Os custos que supoñen o paso pola AP-9 para o transporte de mercadorías teñen un forte impacto na competitividade das empresas galegas e nos seus prezos finais aos consumidores, xa que a mobilidade de mercadorías en Galicia está fortemente condicionada pola inexistencia de itinerarios alternativos, a dispersión poboacional e a ineficiencia doutros modos de transporte para os movementos interiores. Este efecto é aínda máis pronunciado se se teñen en conta as posibles cobranzas por uso das autovías actualmente libres.

Os datos xustificarían unhas bonificacións do 100% das peaxes para o tráfico pesado, establecéndose un mínimo indispensable do 55%. Buscan así incentivar o uso da AP-9 por parte do tráfico pesado, para conseguir mellorar a mobilidade e a seguridade viaria. O elevado custo de utilizar a AP-9, a única autoestrada de España de máis de 100 quilómetros de extensión que non ofrece descontos ao transporte pesado, fai que moitos transportistas decidan usar tramos de estradas convencionais, as cales son significativamente máis perigosas, tanto para condutores como para os núcleos poboacionais. O estudo entregado tamén xustifica a viabilidade xurídica da implantación das bonificacións solicitadas posto que existen outros exemplos en España con axudas semellantes e o mesmo marco xurídico vixente.

As asociacións, que agregan a máis de 5.000 empresas e unha facturación anual conxunta superior aos 8.000 millóns de euros, están tamén en conversas co delegado do Goberno para trasladar as súas consideracións ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e acadar unha postura consensuada que permita a sustentabilidade das infraestruturas galegas e a competitividade do sistema loxístico rexional no curto e medio prazo. Suficiente para seguir traballando e acadar unha solución definitiva para o conxunto da Rede de Estradas de Interese Xeral do Estado cunha perspectiva de equilibrio territorial, seguridade viaria e sustentabilidade ambiental.