porto exterior

O Clúster da Función Loxística defende a necesidade e urxencia do acceso ferroviario ao porto exterior de punta langosteira

24 de febreiro 2021

O Clúster da Función Loxística defende a necesidade e urxencia do acceso ferroviario ao porto exterior de punta langosteira

  • O ramal ferroviario é unha peza clave para completar a competitividade do Porto Exterior e do sistema portuario galego
  • Esta conexión resulta imprescindible para garantir a sustentabilidade e a competitividade do sistema portuario galego

O Clúster da Función Loxística de Galicia, que integra a gran parte dos principais axentes públicos e privados relacionados co transporte, defende a necesidade e a urxencia de executar o acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña.

Nun encontro celebrado recentemente no seo do Clúster no que se reflexionou sobre a necesidade de infraestruturas en Galicia, as conexións ferroviarias e, nomeadamente, as ferroportuarias foron recoñecidas entre as maiores urxencias do sistema loxístico de Galicia para posicionar internacionalmente a esta comunidade nas cadeas globais de movemento de mercadorías. En concreto, pola súa importancia estratéxica e o grao de avance dos proxectos, os ramais de conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña e de Ferrol (actualmente en obras) foron identificados como as obras máis relevantes no curto prazo.

No caso concreto das instalacións en Punta Langosteira, entre as Administracións públicas e as empresas privadas se levan investido máis de 1.000 millóns de euros e existen compromisos privados de investimento e están planificados outros 150 millóns privados no curto prazo. Unha boa proba da importante aposta que a función loxística de Galicia fai por esta rada.

Porén, resulta absolutamente necesaria a conexión ferroviaria para garantir a competitividade e a sustentabilidade no movemento de mercadorías en Galicia, especialmente naquelas como os graneis sólidos nas que o transporte supón unha parte moi importante do seu custe. Cómpre lembrar que o ferrocarril é o transporte terrestre de menores emisións e o máis barato para o movemento de grandes volumes de mercadoría e, neste sentido, a súa operativa en condicións eficientes permitiría ampliar o radio de acción deste porto.

O Clúster

O Clúster da Función Loxística de Galicia é unha asociación empresarial privada sen ánimo de lucro que conta con máis de 25 entidades asociadas nas que a función loxística supón unha parte relevante da súa cadea de valor e que supoñen un total de máis de 9.000 millóns de euros de facturación anual.