
11 Feb Cluster e Autoridade Portuaria de Vigo coinciden no interese por impulsar proxectos colaborativos que incrementen a competitividade do sistema loxístico
11 de febreiro 2021
Cluster e Autoridade Portuaria de Vigo coinciden no interese por impulsar proxectos colaborativos que incrementen a competitividade do sistema loxístico
Representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia mantiveron un encontro co novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e membros do seu equipo. A representación do Clúster recaeu no seu presidente, Xoán Martínez; o xerente, Iago Domínguez; e as empresas Pérez Torres Marítima, e Grupo Davila.
No encontro coincidiron na conveniencia de impulsar proxectos colaborativos que permitan a Galicia gañar competitividade cun mellor posicionamento no mapa loxístico internacional. Así, identificáronse aspectos relativos á dixitalización loxística, ao impulso ás infraestruturas ferroportuarias, ou ao traballo coordinado nos programas de internacionalización para o que o Clúster conta cun orzamento de 115.000 euros, o 80% subvencionado polo IGAPE na axuda Galicia Exporta Organismos Intermedios.
A reunión tamén serviu de punto de partida para presentar ao novo presidente os traballos realizados polo Cluster ata o momento, onde destaca o labor en sistemas de información coa ferramenta LDP creada no seo da asociación, a identificación da conectividade das mercancías de Galicia, o estudo da situación das cidades galegas en materia de última milla ou a análise de viabilidade e localización de novos puntos de apoio ao transporte por estrada.
Con boa acollida por parte da Autoridade Portuaria, que é socia do Cluster dende setembro de 2020, ambas organizacións coinciden no interese de impulsar proxectos que supoñan un incremento da competitividade do sistema da rexión, comezando pola optimización das infraestruturas loxísticas e prestando especial atención aos servizos de valor engadido que deben acompañar.