portos de galicia

Portos de Galicia adhírese ao Clúster da Función Loxística de Galicia

19 de xaneiro 2021

Portos de Galicia adhírese ao Clúster da Función Loxística de Galicia

Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, vén de ratificar a súa adhesión ao Clúster da Función Loxística de Galicia, tal como se acordou nunha reunión mantida recentemente entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, o xerente do Clúster, Iago Domínguez, e o socio do Clúster pertencente á Xunta Directiva, Santiago Pérez-Torres.

Con esta adhesión o organismo portuario contribúe a potenciar o maior aproveitamento das infraestruturas loxísticas da comunidade, entre as que teñen un papel fundamental as do eido portuario, onde o Clúster ostenta a práctica totalidade da representatividade de Galicia.

O Clúster da Función Loxística de Galicia naceu coa vontade de impulsar o sector loxístico galego dende dentro, entendendo que o esforzo non só beneficia ás empresas do sector senón que supón unha vantaxe competitiva para a economía de toda a comunidade. Entre os seus obxectivos destacan a innovación a través da colaboración entre axentes públicos e privados, implantar a loxística 4.0, atraer o talento profesional para a dotación de postos cualificados, optimizar as infraestruturas, favorecer a internacionalización do sistema loxístico e contribuír ao liderado do polo atlántico.

Nota da consellería