simplificación administrativa

O Clúster acepta a invitación da Xunta a participar na elaboración da Lei de simplificación administrativa de Galicia

15 de xaneiro 2021

O Clúster acepta a invitación da Xunta a participar na elaboración da Lei de simplificación administrativa de Galicia

  • A Xunta invita aos organismos intermedios a transmitir as súas propostas en relación ao borrador da Lei de simplificación administrativa e reactivación económica
  • O Clúster da Función Loxística de Galicia abre un periodo de consultas coas súas entidades socias para traballar nunha proposta de mellora do borrador
  • Mantense o espírito de participación e colaboración coas administracións públicas, fundamental no contexto actual.

O Clúster da Función Loxística de Galicia inicia un proceso de estudo do borrador da Lei de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia, polo que as súas entidades socias terán acceso ao documento e poderán achegar as súas dúbidas, propostas e valoracións para a elaboración dun documento conxunto que transmitir á administración autonómica.

Este proceso se inicia despois do Clúster recibir invitación por parte do executivo galego para participar, xunto con outros organismos intermedios, no desenvolvemento do texto, que busca facer fronte a un dos retos que se veñen demandando por parte do conxunto empresarial galego dende hai tempo.

O Clúster celebra a iniciativa e espera acadar unha Lei que potencie a competitividade da rexión por medio da axilidade na instauración de iniciativas e proxectos de investimento empresarial.

Por medio desta actuación, mantense a vontade de colaboración coas administracións públicas por parte do Clúster, un dos valores sobre os que se asenta a súa actividade dende a fundación e que se xustifica con máis peso no contexto actual de recuperación á crise sanitaria aínda vixente.