reunion cluster porto vilagarcía

O Clúster presenta o seu proxecto de optimización e internacionalización do sistema loxístico galego ao porto de Vilagarcía

08 de xaneiro 2021

O Clúster presenta o seu proxecto de optimización e internacionalización do sistema loxístico galego ao porto de Vilagarcía

  • A reunión celebrouse entre o presidente do Clúster, Xoán Martínez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís
  • O encontro serviu para presentar ao novo presidente portuario os proxectos que o Clúster prevé impulsar en 2021
  • Destaca o ambicioso proxecto de internacionalización, onde se mobilizarán máis de 115.000 euros ao amparo dunha axuda concedida polo IGAPE
  • Tanto Clúster como Autoridade Portuaria desexan continuar unha estreita colaboración iniciada en 2019 e que agora entra nunha fase de consolidación.

O Clúster da Función Loxística de Galicia mantivo recentemente unha reunión coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía nas instalacións portuarias arousanas.

O encontro levouse a cabo entre o presidente do Clúster, Xoán Martínez Reboredo, e o recentemente nomeado presidente do porto de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, e tivo a finalidade de presentar ao segundo os proxectos que a entidade ten en marcha, así como para facer repaso das actuacións desenvolvidas no último exercicio.

Na reunión puxéronse en valor os obxectivos acadados no ano 2020, cuxa complicada situación sanitaria non impediu o avance do plan do Clúster, que incrementou o seu número de asociados ata acadar as 23 entidades e publicou os seus primeiros traballos abordados en materias de distribución urbana, posicionamento do sistema loxístico galego, optimización de infraestruturas ou solo industrial, destacando moi especialmente o desenvolvemento da aplicación LDP, de seguimento dos fluxos loxísticos internacionais relacionados con Galicia.

Porén, a tónica da reunión púxose sobre a proxección do ano 2021, que aspira a ser a consolidación do Clúster e da colaboración entre entidades. No mesmo, o propio Martínez Reboredo puido expoñerlle ao presidente portuario o ambicioso plan de internacionalización que mobilizará de xeito directo máis de 115.000 euros en accións de posicionamento do sistema loxístico galego en contextos internacionais. Este plan será subvencionado nun 80% pola axuda pública Galicia Exporta Organismos Intermedios, promovida polo Instituto Galego para a Promoción Económica (IGAPE).

Ao plan de internacionalización lle sucederon outras presentacións de proxectos a continuar ou iniciar en 2021, abertos á participación de todas aquelas corporacións galegas cuya función loxística supoña un factor crítico competitivo na súa actividade, independentemente do sector no que se atopen ubicadas.

O Clúster da Función Loxística de Galicia, do cal a Autoridade Portuaria de Vilagarcía é un dos membros fundadores, ten como obxectivo impulsar o sistema loxístico galego, con todos os seus axentes, a un nivel e posicionamento internacional superior e relevante, o cal tamén repercute positivamente na competitividade de todos os organismos asociados.