Corredor atlántico

O Clúster da Función Loxística e a Confederación de Empresarios de Pontevedra celebran a creación da comisión executiva de seguimento do corredor atlántico

02 de decembro 2020

O Clúster da Función Loxística e a Confederación de Empresarios de Pontevedra celebran a creación da comisión executiva de seguimento do corredor atlántico

  • Ambas entidades se ofrecen a colaborar coa Administración Pública, como veñen a facer nos últimos anos
  • Na xornada fíxose fincapé nas oportunidades da intermodalidade, sendo necesaria unha mellora das conexións ferroviarias aos portos
  • Entre outros datos, destacouse o nivel do comercio internacional de Galicia, co mellor setembro dos últimos anos
  • Outras participacións como as da Asociación SPC-Spain e o Grupo Suardíaz puxeron sobre a mesa as potenciais sinerxías entre o transporte marítimo de curta distancia e o transporte por estrada.

Na xornada celebrada en Vigo e online sobre as sinerxías entre o transporte marítimo de curta distancia e o transporte por estrada, o Clúster da Función Loxística de Galicia e a Confederación de Empresarios de Pontevedra, dous das principais entidades que veñen a traballar polo desenvolvemento do Corredor Atlántico de Mercadorías, celebraron hoxe a creación da Comisión Executiva liderada polo Consello Económico e Social. Neste sentido, os presidentes de ambas asociacións, Xoán Martínez e Jorge Cebreiros, ofreceron a súa colaboración para o mellor desenvolvemento e efectividade da comisión.

No mesmo sentido, o presidente da principal federación de transporte de mercadorías por estrada Fegatramer, Ramón Alonso, destacou a interese común de promoción da intermodalidade e a necesaria aposta polo corredor.

As conexións ferroviarias aos portos son elementos chave para convertilos en nodos loxísticos competitivos a nivel europeo. Porque xa non se entende o transporte de mercadorías sen o concepto de intermodalidade, combinando transporte marítimo, terrestre por tren e por estrada e aéreo.

Neste sentido, xa se tiña nos fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa unha gran oportunidade á que agora se suman as novas axudas para a recuperación. Unha oportunidade que o Clúster da Función Loxística de Galicia cree que non se pode perder. Por iso fixo aportacións á Lei de Mobilidade Sostible do Ministerio de Fomento para unha axeitada planificación das infraestruturas e por iso defende o mellorar e completar a nosa red ferroviaria alí onde é necesario sobre todo ao referente a pendentes, gálibos, tamaño dos convois e capacidade de frecuencias.

Esta xornada tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo, e estivo organizada pola asociación española de TMCD e o Clúster da Función Loxística de Galicia. Na mesma diversos poñentes das empresas especializadas nestes tráficos explicaron a súa experiencia e as vantaxes que o transporte marítimo de curta distancia ofrece aos transportistas por estrada.

Datos de importacións e exportacións de Galicia

Tal e como se pode ver na LDP, a plataforma de información loxística desenvolvida polo Clúster e dispoñible na súa web, as exportacións en setembro son unha mostra do potencial galego.

Galicia lidera a recuperación das exportacións no mes de setembro, rexistrando ese mes un máximo anual con 2.432 M€. En total, o conxunto das importacións e exportacións de Galicia superou en setembro os 4.000 M€. Automoción, naval, textil e aeronáutico, entre outros, foron os sectores de maior tracción. O 44% do valor foron mercadorías movidas  por transporte marítimo, mentres que menos dun 10% foron movidas por ferrocarril.

Estes datos son só unha pequena mostra das capacidades que ten Galicia como plataforma loxística internacional se se aproveitan axeitadamente as oportunidades.

Informe xeral