Autoridade Portuaria de Vigo; IATECC

O Clúster da Función Loxística de Galicia solicita unha maior aposta polo transporte de mercadorías nos Orzamentos Xerais do Estado

30 de octubre 2020

O Clúster da Función Loxística de Galicia solicita unha maior aposta polo transporte de mercadorías nos Orzamentos Xerais do Estado

O Clúster da Función Loxística de Galicia valora como necesaria unha maior aposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana polo transporte de mercadorías á vista do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado.

 

FFCC

Sen lugar a dúbidas, as limitacións na conectividade, velocidade, tamaño, e frecuencias dos trens de mercadorías supoñen un importante atranco para o desenvolvemento industrial de Galicia e, especialmente, dos seus portos, coartando a capacidade tractora da economía que xogan estas infraestruturas.

No proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, destaca a ausencia das conexións ferroviarias ás instalacións portuarias de interese xeral do Estado en Galicia que aínda carecen dela (o Porto Exterior de Punta Langosteira e a Terminal Marítima de Bouzas, en Vigo).

Neste sentido, cómpre lembrar que a intermodalidade marítimo – FFCC é unha cuestión clave na elección de nodos de transporte por parte dos operadores e, polo tanto, para dar plena utilidade ás instalacións situadas en Punta Langosteira e ao investimento realizado nela, resulta necesario conectalas por ferrocarril.

Do mesmo xeito, a saída sur de Vigo e a conexión da Terminal Marítima de Bouzas, que acolle a única autoestrada marítima de Galicia, tamén son elementos de gran importancia para a nosa competitividade territorial.

No tocante á mellora das liñas ferroviarias convencionais existentes na actualidade, o proxecto de orzamentos sería suficiente para o inicio de obras nun tramo da liña Ourense – Monforte – Lugo. Non se prevén outros investimentos relevantes nin no resto de provincias galegas nin na liña leonesa Venta de Baños – León – Ponferrada, saída natural das mercadorías ferroviarias de Galicia e un dos treitos con maiores restricións de capacidade.

A inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías por FFCC e, agora, os fondos articulados pola UE para a recuperación económica, constitúen importantes oportunidades de financiamento destas infraestruturas. Para aproveitalas, resulta necesaria unha aposta definitiva que desenvolva con rapidez os proxectos técnicos necesarios e a tramitación necesaria para a contratación de obras.

 

Bonificacións de peaxes

No relativo ás bonificacións de peaxes anunciadas para a Autoestrada do Atlántico, considérase imprescindible que o transporte pesado tamén se beneficie das mesmas. Este tipo de transporte supoñen preto do 10% dos usuarios e ten un impacto moi importante na competitividade económica de Galicia, non obstante, actualmente está excluído das bonificacións.

 

Execución orzamentaria

Dende o Clúster, tamén se fai un chamamento para que os investimentos recollidos nos orzamentos se executen efectivamente xa que, como as propias contas indican, no ano 2020 só se investiron 22 millóns de euros no mantemento e conservación da rede ferroviaria convencional de toda Galicia, que é a empregada para o transporte de mercadorías. Neste sentido, cómpre recordar que os orzamentos son necesarios pero non suficientes para os territorios, xa que resulta necesario traducilos en feitos reais que supoñan investimentos no territorio.

 

Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible

Todas estas valoracións realizadas polo Clúster son coherentes coas achegas presentadas ao Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible en tramitación polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Dende esta asociación empresarial se fan achegas ao Ministerio en cuestións como as peaxes, a planificación de infraestruturas ou as bonificacións ao transporte de cara a que territorios periféricos como Galicia non poidan aproveitar as súas fortalezas pola implantación de criterios que favorezan o desequilibrio.

 

O Clúster

O Clúster da Función Loxística de Galicia é unha asociación privada sen ánimo de lucro que conta con máis de 20 empresas asociadas nas que a función loxística supón unha parte relevante da súa cadea de valor e que supoñen un total de máis de 5.000 millóns de euros de facturación anual.