
27 Xul Toda a cadea de subministración apoia a implantación e uso xeralizado do Documento Electrónico de Transporte
27 de xullo 2020
Toda a cadea de subministración apoia a implantación e uso xeralizado do Documento Electrónico de Transporte
A semana pasada celebrouse a cuarta reunión do grupo de traballo constituído para analizar a situación da dixitalización do transporte de mercadorías en España e deseñar as accións necesarias para potenciar o uso da documentación electrónica.
Este grupo, formado por once asociacións da cadea de subministración (Aeutransmer, Astic, Bequinor, Cetm, o propio Clúster da Función Loxística de Galicia, Feteia-Oltra, Fetransa, Fvet, Transprime e Uno Logística), cinco autoridades portuarias (Barcelona, Bolbao, Huelva, Tarragona e Valencia) e dez plataformas tecnolóxicas (a asociada ao Clúster Altia, E-customs, Eurogestión, Pionira, Timocom, Transfollow, WanaTruck, Webtrans, Widoit e Wtransnet (Grupo Alpega)), representa a máis de 300.000 empresas convencidas da necesidade de abordar estas ferramentas tecnolóxicas e xeralizar o seu uso, non só para eliminar o papel, senón tamén polas innumerables vantaxes que ofrece o sistema en termos de custo, eficiencia, transparencia e na xestión do transporte de mercadorías.
A actual crise sanitaria pola Covid-19 e os rebrotes que se están a suceder, demostra a importancia das solucións dixitais na cadea loxística, respaldada polas recomendacións da UE para que os Estados membros abandonen o papel e adopten plenamente o intercambio dixital de información de transporte.
O grupo de traballo aspira a posicionar a industria española da carga e o transporte á cabeza de Europa, na xestión documental dixital das operacións de transporte da cadea, e de cara tamén a estar preparados para a entrada en vigor do novo marco xurídico proposto pola UE, para que as empresas proporcionen ás autoridades a información de transporte en formato dixital.
Na reunión tamén se abordaron outros asuntos tales como os efectos da inspección en estrada, a posibilidade de establecer axudas ou incentivos para a integración do DET nos sistemas de xestión das pemes, ou a necesidade dunha formación específica neste ámbito.
Por último, acordouse elaborar e distribuir un cuestionario destinado a recompilar información sobre os principais motivos que están a frear o desenvolvemento do DET.
En relación ao e-CMR, no último mes producíronse dúas novas adhesións ao protocolo do documento electrónico de transporte baixo a Convención das Nacións Unidas para o transporte de mercadorías. Coa ratificación de Noruega e Ucrania, xa son 27 os países que están formalmente comprometidos coa implementación do CMR electrónico.
A ratificación do protocolo por parte de Noruega, país que proximamente fará obrigatorio o uso do e-CMR, completa a cobertura de Escandinavia, mentres que a adhesión de Ucrania ao e-CMR resulta estratéxica, xa que conecta os corredores de carga de Europa do Este, dende Finlandia, países bálticos, Polonia e Ucrania, hasta Rumanía e Bulgaria, chegando incluso a Turquía.
O grupo continuará en setembro cos traballos para promover o uso da documentación electrónica do transporte, como unha ferramenta crítica para mellorar os custos, a eficiencia e a seguridade do transporte e da loxística.