xunta; vigo; ferrovial

Xunta e CEP coinciden na rendibilidade do proxecto da saída ferroviaria do sur de Vigo

22 de xuño 2020

Xunta e CEP coinciden na rendibilidade do proxecto da saída ferroviaria do sur de Vigo

A Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) presentaron un estudo que acredita a rendibilidade do proxecto da saída ferroviaria do sur de Vigo. A cualificaron como unha infraestrutura estratéxica para a competitividade da cidade, para o porto e para toda Galicia, xa que, segundo conclúe o estudo, permitiría incrementar un 6% a actividade da terminal portuaria de Bouzas e xerar 528 millóns de euros.

No acto tamén participaron o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o catedrático de ferrocarrís Miguel Rodríguez Bugarín que, xunto con José Calvo Caneiro, da enxeñería IDOM, foron os encargados da elaboración.

A Xunta e os empresarios de Pontevedra coincidiron en destacar que a Saída Sur, a través dun novo trazado de algo máis de 15 quilómetros que unirá Vigo coa zona do Porriño, e a súa conexión coa terminal portuaria de Bouzas cun novo ramal de 5 quilómetros, é unha actuación estratéxica e con maior proxección loxística xa que: supón apuntalar a Eurorrexión, dándolle continuidade ao Eixe Atlántico de forma directa cara a Portugal e cara á Meseta desde a estación de Urzaiz, como terminal central, intermodal e pasante; e permitirá eliminar transbordos, acurtar percorridos e tempos de viaxe e multiplicar o potencial do porto.

O proxecto requeriría dun investimento aproximado de 496 millóns de euros, e conta cunha previsión de impacto na fase de construción de 660 millóns, o que suporía un incremento do 1% do PIB da cidade olívica. Unha vez construída, o impacto en termos monetarios sería de 528 millóns de euros durante os primeiros 20 anos de explotación, e 225 postos de traballo a tempo completo de media anual.

Ler máis