webinar; xunta; cluster

O Clúster da Función Loxística de Galicia e a Xunta poñen en valor a colaboración público-privada para a recuperación económica galega

19 de xuño 2020

O Clúster da Función Loxística de Galicia e a Xunta poñen en valor a colaboración público-privada para a recuperación económica de Galicia

  • A dixitalización nos procesos loxísticos das empresas, a loxística urbana ou de última milla e a eficiencia loxística nun contexto internacional e incerteza pola crise sanitaria froito da Covid-19, foron os temas abordados no webinario “A función loxística na recuperación económica dos sectores estratéxicos de Galicia”.
  • Neste encontro dixital reivindicouse o papel do Clúster como axente determinante para que a función loxística galega gañe eficacia, en proximidade e en competitividade.

O Clúster da Función Loxística de Galicia celebrou o xoves 18 de xuño un encontro dixital no que participaron o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director do Igape, Juan Cividanes; o presidente do Clúster, Xoán Martínez-Reboredo, ao tempo CEO de Kaleido Logistics; e representantes das entidades socias do Clúster; Javier Díaz, Director de Cadea de Subministración do Grupo Nueva Pescanova; Adolfo Díaz, director de Loxística de GADISA e Iago Rodríguez-Quintana, Business Development de Altia Logistic Software.

Neste encontro, que congregou a máis de 80 participantes, comezou expoñendo o papel da función loxística galega durante a crise sanitaria, recoñecendo a complexidade de facer fronte a unha demanda cambiante pero que foi capaz de garantir o abastecemento a empresas e a cidadanía. Neste contexto non faltaron palabras de agradecemento aos traballadores e diversos axentes loxísticos das cadeas de subministración, que afrontaron a súa labor como un servizo á comunidade.

O webinario continuou abordando os cambios que se están a producir e que teñen unha incidencia directa na función loxística. Neste sentido os asistentes resaltaron á dixitalización como un factor fundamental para acadar unha maior eficiencia na loxística galega: unha maior trazabilidade en tempo real das mercadorías e dos vehículos de transporte; e unha rede colaborativa entre especialistas de diferentes procesos na mesma cadea de valor son os principais avances da tecnoloxía no sector.

Por outra parte, tendo en conta o auxe do comercio electrónico e o crecemento exponencial das entregas a domicilio, púxose en relevancia a necesidade de definir medidas que favorezan a loxística de última milla ou loxística urbana de mercadorías preservando o desenvolvemento sostible das cidades.

Factores chave da recuperación

Os diferentes participantes coincidiron na aposta pola colaboración público-privada para fomentar a competitividade do tecido empresarial galego.
Neste senso a anticipación e a planificación dende a administración autonómica será fundamental para soster a economía galega e recuperar o ritmo produtivo anterior á crise.

O Clúster como organismo intermedio

Por último, reivindicouse o papel do Clúster da Función Loxística de Galicia como axente determinante na importante colaboración público-privada.

Dende os seus grupos de traballo, o Clúster da Función Loxística de Galicia atópase abordando os retos da loxística de última milla, o acceso ao solo empresarial, a optimización das infraestruturas loxísticas e a presencia da loxística galega nun contexto internacional.

Así, chamouse á acción aos asistentes, a apoiar ao Clúster dende fora e dende dentro, unir forzas e apostar por combater as grandes dificultades do contexto galego, en pos dunha competitividade que se traduza en sustentabilidade das empresas de Galicia no presente e no futuro.

Porque a economía é movemento e o movemento é loxística, o Clúster da Función Loxística de Galicia afirmouse como o axente estratéxico na recuperación económica da comunidade.

Ler a Nota de Prensa
Ver o webinario