webinar

O Clúster da función loxística organiza un encontro dixital co conselleiro de Industria para falar do papel da loxística na recuperación económica galega

13 de xuño 2020

O Clúster da función loxística organiza un encontro dixital co conselleiro de Industria para falar do papel da loxística na recuperación económica galega

O Clúster da Función Loxística de Galicia organiza, para o vindeiro xoves 18 de xuño ás 17:00 horas, un encontro dixital co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; acompañado do director do Igape, Juan Cividanes. Á cita tamén acudirán o presidente do Clúster, Xoán Martínez-Reboredo, ao tempo CEO de Kaleido Logistics; Javier Díaz, Director de Cadea de Subministración do Grupo Nueva Pescanova; Adolfo Díaz, director de Loxística de GADISA e Iago Rodríguez-Quintana, Business Development de Altia Logistic Software.

O encontro está enfocado a abordar como a loxística galega deu resposta ás necesidades xurdidas durante a crise sanitaria garantindo o abastecemento de bens e servizos necesarios en todo momento pese á incertidume existente. Un obxectivo que foi posible grazas ás 12 000 empresas do segmento loxístico que traballaron para garantir a distribución que dera resposta ás necesidades de consumo de cidadáns e empresas.

Tamén se abordará o papel que xoga a función loxística na recuperación económica galega como elemento de competitividade territorial e empresarial. Estamos falando dun eslavón clave na cadea de valor para os sectores económicos de Galicia involucrando, por tanto, non só aos operadores loxísticos senón tamén a aquelas empresas nas cales a loxística ten un peso relevante. Englóbanse aquí empresas de actividades tales como a automoción, téxtil, alimentación, madeira, pesca ou a distribución comercial.

Recoñecemento aos traballadores

No mesmo sentido, hoxe mesmo o presidente do Clúster recoñeceu publicamente o traballo e o esforzo, tanto profesional como persoal, dos máis de 50 000 traballadores que actualmente desenvolven funcións loxísticas en Galicia. O presidente recordou que a loxísitica foi clave durante a crise sanitaria e recoñecida como sector esencial durante a crise e tivo que enfrontarse a unha fonda incertidume e ás dificultades derivadas da falla de servizos para os transportistas.

Ante esta situación, Martínez-Reboredo subliñou que tanto “o comportamento dos traballadores de oficina, como a pé de camión ou na estiba a nivel portuario a resposta foi, non só a nivel profesional senón tamén persoal, exemplar”.

O Clúster

O Clúster da Función Loxística de Galicia naceu en verán de 2019 por iniciativa de importantes empresas galegas e co apoio da Xunta de Galicia como unha das conclusións derivadas da Estratexia Integral de Optimización Loxística de Galicia. O seu obxectivo é contribuír a unha maior eficiencia da loxística e o transporte de Galicia, promovendo a súa competitividade, cunha especial atención á innovación e a internacionalización das empresas que forman parte da súa cadea de valor.

Ler a Nota de Prensa
Inscríbete ao webinar